O FEÍSMO DA TINERÍA

Álbum da Lugoslavia.

O barrio lugués da Tinería malvive de forma totalmente allea á xentrificación típica dos cascos históricos europeos. Non hai moito, os lucenses rehusabamos camiñar polas súas rúas empedradas, por sentires noxo, medo, ou rexeitamento cara a esa «parte equivocada da muralla». Os casos masivos de prostitución, os restos de urina e feces en tódalas esquinas, a escasa presenza de drogas e os edificios ruinosos, símbolo do feísmo de Lugo, afastaban ós viandantes.

Pero hai uns anos iniciouse unha política de rehabilitación da zona. E notouse. Aínda así, o antigo barrio chinés lucense non sofre unha avalancha de turistas, e moitas das súas vivendas están a piques de derrubarse. Porén, o abandono tan só persiste durante o día, pois cando anoitece os locais de hostelería da Rúa do Miño serven como prolongación da zona dos viños, e as paredes de pedra abombadas recollen ós que buscan un momento para enchoupar.

Bolsas de lixo acumuladas na rúa dos Clérigos, ó carón da Catedral de Lugo, 2023. Iria Pombo.

Bolsas de lixo acumuladas na rúa dos Clérigos, ó carón da Catedral de Lugo, 2023. Iria Pombo.

A media tarde dun Xoves Santo, a estampa dende a Praza de Santa María conformabamola un rídiculo grupo de persoas que pasabamos por alí e unha insulsa procesión da Última Cea. É máis, probablemente miña amiga e máis eu fósemos as persoas máis novas que deambulaban por alí. A peste do botafumeiro parecía ter colocadas a tódalas señoras que formaban parte do público. A cera derretida dos cirios procuraba non ser derramada no chan que rodea a catedral, aínda que algunha pinga non puido evitar caer e, probablemente, queimar un pedaciño de suciedade acumulada.

Grupo de anciás conversando ó carón da Catedral mentres agardan pola procesión da Última Cea. Lugo, 2023. Iria Pombo.

Grupo de anciás conversando ó carón da Catedral mentres agardan pola procesión da Última Cea. Lugo, 2023. Iria Pombo.

Mulleres durante a procesión da Última Cea. Lugo, 2023. Iria Pombo.

Mulleres durante a procesión da Última Cea. Lugo, 2023. Iria Pombo.

Unha vez pasada a catedral, adentrarse nas estreitas rúas con casas caendo a un lado, e edificios restaurados alugados a prezos desorbitados ó outro, supón unha experiencia inmersiva na verdadeira sociedade lucense. As bolsas con lixo conversan na propia beirarrúa, baixo balcóns sen varandas, que o único que agochan son tellados derrubados. Ós contos xa non están os vellos, senón a merda que nos deixan.

Casa tapiada en ruinas no barrio da Tinería. Lugo, 2023. Iria Pombo

Casa tapiada en ruinas no barrio da Tinería. Lugo, 2023. Iria Pombo

Casa en ruinas no barrio da Tinería. Lugo, 2023. Iria Pombo.

Casa en ruinas no barrio da Tinería. Lugo, 2023. Iria Pombo.

Así e todo cruceime cunha muller. Ela permanecía apoiada nunha das fachadas rehabilitadas pola Xunta, agardando por alguén. Nese solpor non había máis xente nos douscentos metros de rúa até o eirado. Era unha turista, sorprendentemente, e as súas costas sostiñan as paredes dun pazo que xa non é un pazo, como sucede co de Dona Urraca. Algúns edificios poden ter algún arranxo chapuceiro, exemplo do feísmo galego, sinónimos dos somieres que funcionan como cancelas. Pero o Pazo de Orbán si que está restaurado, e ben sinalizado entre as ruinas, como burlándose daqueles que non lograron regresar.

Centro do barrio histórico da Tinería. Detrás do cartaz do Hotel Monumento Prazo de Orbán e Sangro, de catro estrelas, sobreviven varias vivendas abandoadas e ruinosas. Lugo, 2023. Iria Pombo.

Centro do barrio histórico da Tinería. Detrás do cartaz do Hotel Monumento Prazo de Orbán e Sangro, de catro estrelas, sobreviven varias vivendas abandoadas e ruinosas. Lugo, 2023. Iria Pombo.

Fachada dun edificio restaurado no barrio da Tinería. Lugo, 2023. Iria Pombo.

Fachada dun edificio restaurado no barrio da Tinería. Lugo, 2023. Iria Pombo.

Para atopar algo de vida cómpre saír da «parte equivocada da muralla» e subir até a Rúa Nova, onde a vitalidade da que podía presumir paulatinamente vai morrendo. Alí xa non é raro nin pavoroso atoparse con alguén.

Fiestra nun edificio derruido da Tinería, Lugo, 2023. Iria Pombo.

Fiestra nun edificio derruido da Tinería, Lugo, 2023. Iria D, Pombo

Xa non lle queda nada ó centro de Lugo.